COOPERATIVA O RODO. A comezos dos anos 80, dentro do proceso de modernización das explotacións gandeiras que percorría toda Galicia, unha serie de gandeiros empezan a mobilizarse en Rodeiro. Na encrucillada entre a produción e a venta de leite, dúas voces comezan a albiscar unha nova folla de ruta e deciden unir as súa forzas para chegar a un novo destino. Os seus nomes: Pepe Vence Deza e Fernando Fernández Hermida; a súa meta: constituír unha asociación e afrontar a venta de leite en conxunto. En 1984, logo dunha longa rolda de conversas reúnense cos gandeiros produtores de leite da zona e, xuntos, crean a Asociación A Camba.
O espírito cooperativista da Asociación A Camba será a semente da que, en outubro de 1988, xermine a Cooperativa O Rodo. Nada cunha vontade de colaboración e unión que lle dese voz e forza aos gandeiros de Rodeiro, a cooperativa experimenta nos seus primeiros anos de vida un forte crecemento, sendo a máis grande e rendible da zona.
O traballo en equipo e a visión de futuro dos cooperativistas, consolidada na década dos 90, cristalizou no ano 2000 coa entrada de O Rodo na cooperativa de segundo grao Xuncoga, ostentando a maior participación (un 26,9%) do conxunto. O 10 de Maio de 2005, O Rodo fusiónase coa sociedade cooperativa Carboar, formando así unha única cooperativa de bovino en Rodeiro: O Rodo Sociedade Cooperativa Galega.
O Rodo S. Coop. Galega crece na venda de leite e nos servizos de substitucións nas explotacións, así como na oferta e servizo de xestión de explotacións, de alimentación, de calidade do leite, de reprodución e de maquinaria -este último con moita evolución nos últimos anos. A nova cooperativa conta cunhas instalacións de 1000 m2 sitas no local social de Rodeiro, ademais dunha nave de 300 m2 en Carboentes. No ano 2009, mércase unha parcela de 10000 m2 na que se prevé construír unhas novas instalacións que inclúan unha nave e servizo de gasolineira.
O crecemento de O Rodo experimentou un novo episodio no 2014, ano no que entra a formar parte na sociedade Acolat, Agrupación de Cooperativas Lácteas de Galicia (Clesa), con 700 títulos ou accións. Na actualidade a cooperativa, que está a investir entre 300.000 e 450.000 € todos os anos para o servizo de maquinaria, conta cunha facturación que supera os 3 millóns de euros anuais.
A unión de forzas e o desexo de combater a precaria situación dos gandeiros galegos actuaron como combustible para O Rodo S. Coop. Galega. O afán cooperativista afianzouse en Rodeiro e, con paso firme e constante, fixo de O Rodo un referente no cooperativismo galego que, a día de hoxe, ten socios nos concellos de Rodeiro, Dozón, Piñor, Taboada, Antas de Ulla e Chantada.